Tuimil



BARRIO DA PARROQUIA DE
O Viso

Este topónimo provén dun nome medieval de persoa de orixe xermánica, Teodomirus, que na actualidade sería Teodomiro. Se nos decatamos, existen numerosos nomes rematados en -miro: Edelmiro, Ramiro, Arximiro, Clodomiro, Casimiro etc.
A terminación -miro provén das linguas xermánicas que se asentaron na península tras a caída do imperio romano. Esta terminación outórgalle á palabra á que acompaña o significado de "famoso, poderoso".
A primeira parte do nome, Teodo-, provén tamén do nome xermánico Theudo.
O nome completo chega ata nós latinizado a través da súa forma do xenitivo Teodomiri. O xenitivo era a forma da palabra (denominada caso) que se empregaba para indicar, entre outros, o significado de posesión. Deste xeito, unha forma léxica Teodomiri referiríase a un territorio que pertencía a unha persoa chamada Teodomirus.
O xenitivo gótico miri derivou en galego, na maioría dos casos, en -mil: Castromil (A Mezquita), Ramil (A Pontenova), Goimil (O Incio), Samil (Vigo), Castrorramil (Xermade) etc.
Nalgúns casos, a terminación conservouse como -mir; Baldomir (A Laracha), Sanmir (A Laracha), Castemir (A Merca), Aldemir (Crecente), Baldemir (Lobeira).
Pola súa parte, Teodo perdeu a consoante intervocálica D, como ocorre en galego coas palabras máis antigas: oír (latín audire), comer (latín comedere), pé (latín pede) etc., e foi evolucionando nunha vacilación e harmonización de vogais átonas iniciais ata o actual Tui- > Tuimil.
Polo tanto, Tuimil significa territorio propiedade dun posuidor chamado Teodomiro.
En Galicia aparece rexistrado este topónimo Tuimil en Bóveda (Lugo) e Valdoviño (A Coruña). A variante fonética previa na evolución sería Teomil, que está rexistrada en Ferrol, Paderne, Xove, Paradela, Begonte e Lalín.
Na documentación histórica do Viso, Tuimil aparece en numerosas ocasións a partir do século XVII, alternando nalgunhas ocasións coa variante Toimil.