O Redondo



MICROTOPÓNIMO DO BARRIO
Tuimil
DA PARROQUIA DE
O Viso

A orixe deste topónimo está no latín rotundus 'redondo', derivado á súa vez do latín rota 'roda'. Normalmente fai referencia a propiedades ou lugares da paisaxe que presentan unha forma redondeada.
En Redondela temos varias parroquias onde figura este topónimo: Redondo (Cedeira, Quintela, Vilar de Infesta), Redonda (Negros, Quintela).
O propio topónimo que nomea o noso concello Redondela, provén dunha forma diminutiva rematada en -ela da palabra redondo.
En Galicia, estas formas redondeadas dos terreos ou da orografía da paisaxe está presente por todo o territorio con máis de dous mil douscentos topónimos rexistrados.
Como curiosidade, podemos indicar que en Galicia están rexistrados tamén máis de corenta lugares que se chaman Redondela.
Na documentación histórica relativa ao Viso podemos atopar este topónimo no Expediente de comprobación de bienes, rentas y cargas, de 1761: "La duodécima parte de un ferrado de monte de tercera calidad al sitio de Redondo. Linda Levante el dueño, Poniente y Sur murado".