A Portela



MICROTOPÓNIMO DO BARRIO
Tuimil
DA PARROQUIA DE
O Viso

É un topónimo que aparece referido ao paso ou entrada nun lugar ou nun núcleo principal. Pode presentar forma masculina ou feminina: Porto, Porta. Provén do latín portu, porta 'paso, pasaxe, entrada'. A forma masculina Porto é máis frecuente en lugares de paso de ríos e de montañas (onde tamén se emprega Porta, Portela e Porteliña).
En Redondela podemos atopar outros topónimos semellantes con Porto e Porta e que fan referencia a lugares para o paso ou entrada: Portavás (O Viso), Porta Cedeira (Cedeira), Porta Levada (Cesantes), Veiga da Porta (Quintela) e A Porta do Caballero (Reboreda), Porto Cabeiro, Muíño do Porto (Quintela), Regueiro do Porto (Quintela), A Portela (Cedeira), Portelo do Supazo (Saxamonde), As Porteliñas (Saxamonde).
En Galicia aparecen rexistrados máis de mil trescentos lugares con este topónimo.
Na documentación histórica relativa ao Viso podemos atopar este topónimo no Expediente de comprobación de bienes, rentas y cargas, de 1761: "Parra de segunda calidad al sitio da Portela. Linda Levante y Poniente murado, Norte Lucas".