Carballales



MICROTOPÓNIMO DO BARRIO
Tuimil
DA PARROQUIA DE
O Viso

A orixe da palabra carballo é incerta, aínda que os diferentes autores coinciden en que sería prerromana, moi asentada en todo o territorio galaico antes da chegada do latín para denominar esta árbore tan común e abundante, polo tanto, con máis de dous mil anos de antigüidade no noso vocabulario. Hai autores que a fan derivar da palabra base prelatina carba, á que se lle engadiría o sufixo -aliu.
A forma Carballales é un plural castelanizado de Carballal. A terminación -al procede do latín -ale, e engádelles ás palabras significado de abundancia ou colectivo, como en trigal, xestal, herbal etc.
O plural destas palabras agudas rematadas en -al deu en galego varias solucións. A formación plural orixinal (pedrales, ostrales, toxales, piñeirales) perde, no galego máis antigo, o L intervocálico (como en tantas outras palabras como muíño < molinu, vixiar < vigilare, pau < palu etc.). Esta perda do L intervocálico levou unha primeira aparición dun plural rematado en dúas vogais: *pedraes, *ostraes, *toxaes, *piñeiraes, que posteriormente presentaron unha dobre evolución. Na zona oriental de Galicia pasou a rematar en -ais (pedrais, ostrais, toxais, piñeirais) e no resto do territorio reduciuse a unha soa vogal: pedrás, ostrás, toxás, piñeirás.
O galego actual tomou como normativa a terminación -ais. A terminación en -ás aínda se conserva na fala nalgúns lugares de Galicia en palabras como catedrás, reás (que mesmo monotonga en ras) etc.
Pero, pola contra, a toponimia garda esta terminación en moitas denominacións de lugares: con esta terminación, en Cesantes temos rexistrados os topónimos Ostrás, Novás e Pedrás; en Vilar de Infesta tamén aparece o topónimo Os Carrizás.
Polo tanto, a forma plural esperada na nosa zona sería Carballás.
A palabra latina que trouxeron os romanos á península deriva de robore, que deu en castelán "roble", pero que non temos como palabra galega na actualidade, aínda que si deixou pegada na toponimia con formas como o da nosa Reboreda, Rebordaos, Rebordiño, Rebordechao etc.
Na parroquia de Quintela está rexistrado o topónimo O Carballal.
En Galicia atopamos topónimos co plural tradicional esperado Carballás: Fonte dos Carballás (Cerdido), Monte de Carballás (Santiso), O Portelo de Carballás (Vedra) etc. A forma singular Carballal aparece rexistrada en máis de setecentos topónimos por todo o noso territorio.
Na documentación histórica relativa ao Viso podemos atopar o topónimo en singular O Carballal no Expediente de comprobación de bienes, rentas y cargas, de 1761. Anteriormente, no Libro de apeos da casa de Soutomaior, de 1644, aparece a forma tamén singular O Carballar ("[circun]dada sobre si. Entesta en la viña do Carballar").