O Padrón



MICROTOPÓNIMO DO BARRIO
Tuimil
DA PARROQUIA DE
O Viso

Non está clara a orixe e significado deste topónimo, con bastante presenza en toda Galicia, con máis de cento trinta lugares rexistrados con diferentes variantes. Unha das teorías máis recorrentes é a que fai provir o topónimo Padrón do latín petrone, á súa vez derivado de petra 'pedra'. O cambio de petrone a patrone podería ser, segundo estes autores, por influencia da palabra patrone co significado de 'patrón, protector'.
Esta asociación propiciou que se identificase co Pedrón, a ara romana á que a tradición di que se atou a barca que traía os restos do apóstolo Santiago cando chegou a Galicia, onde agora se atopa a vila de Padrón. A isto contribúe que existan topónimos co nome de Padrón asociados con outras aras por Galicia, así como tamén miliarios romanos (por exemplo, no lugar de Padrón en Saxamonde, asóciase este topónimo á aparición dun miliario romano na Vía XIX nese lugar) e tamén con dolmens noutras ocasións.
Outras teorías apuntan a que Padrón dá nome a lugares onde existen ou existían pedras de lindeiro, marcos delimitadores de terras ou territorios. O filólogo Joan Coromines apunta á posibilidade de que nomee lugares que se encontran en cruzamentos de camiños.
Finalmente, tamén hai teorías que vinculan este topónimo con lugares pedregosos, onde abundan rochas ou penedos.
Na documentación histórica relativa ao Viso podemos atopar este topónimo no Libro de apeos da casa de Soutomaior, de 1644, nomeando "el agua que sale de la fuente que se dice y nombra de Padrón que está dentro de una propiedad que se dice de Liñares"; así como baixo o nome de "la fuente que se llama dos Cochiños de Padróns". Tamén aparece no documento Venda da viña e parra "do padrón" en Santa María do Viso, de 1667, e, posteriormente, no Expediente de comprobación de bienes, rentas y cargas, de 1761: "Un sexto ferrado de parra de tercera calidad al sitio do Padrón".