A Poza do Redondo



MICROTOPÓNIMO DO BARRIO
Tuimil
DA PARROQUIA DE
O Viso

A palabra poza provén do latín putea 'pozo' e refírese a un lugar do terreo, natural ou artificial, onde se deposita auga, que normalmente tamén se pode empregar para diferentes usos.
En moitas ocasións o topónimo Poza aparece asociado con outras palabras que fan referencia á persoa propietaria, ao uso que se fai del, ás súas características ou ao lugar en que se atopa.
A palabra Redondo ten a súa orixe no latín rotundus 'redondo', derivado á súa vez do latín rota 'roda'. Normalmente fai referencia a propiedades ou lugares da paisaxe que presentan unha forma redondeada.
En Redondela temos varias parroquias onde figura este topónimo: Redondo (Cedeira, Quintela, Vilar de Infesta ou O Viso), Redonda (Negros, Quintela).
O propio topónimo que nomea o noso concello Redondela, provén dunha forma diminutiva rematada en -ela da palabra redondo. En Galicia, estas formas redondeadas dos terreos ou da orografía da paisaxe está presente por todo o territorio con máis de dous mil douscentos topónimos rexistrados.
Como curiosidade, podemos indicar que en Galicia están rexistrados tamén máis de corenta lugares que se chaman Redondela.