Os Cuchiños



MICROTOPÓNIMO DO BARRIO
Tuimil
DA PARROQUIA DE
O Viso

A palabra cocho (Cochiño, Cuchiño como formas diminutivas) ten varios significados posibles en galego: pode ser un sinónimo de porco; tamén se emprega para designar un acubillo, tanto natural como artificial; e pode ser sinónimo de leira de cultivo.
Estas dúas últimas definicións son as que crean dúbidas na aplicación á toponimia. Hai autores que se inclinan por identificar os lugares que se chaman cocho con acubillos naturais ou rebaixes no terreo. Outros autores, en cambio, defenden que a cantidade tan abundante de lugares que levan este nome non fai posible que todos se refiran a lugares de acubillo. Por outra parte, hai sitios onde se lles chama directamente cochos ás leiras de cultivo. Sen desbotar que nalgúns casos se refira a acubillos naturais, os resultados da abundante presenza deste topónimo na nosa toponimia lévanos a decantarnos polo significado de leira de cultivo.
A forma Cuchiños é un diminutivo e refírese ao tamaño pequeno destas leiras. A terminación -iño é un sufixo diminutivo que procede do latín -inu. Durante os primeiros séculos da implantación do latín no territorio galaico, o sufixo diminutivo predominante era -elo, -ela, aínda hoxe con notable presenza na nosa toponimia, mais a partir do século XI o sufixo diminutivo predominante pasou a ser -iño, hoxe en día xa case única na derivación de calquera palabra ao seu correspondente diminutivo.
Relacionado cos Cuchiños, no Viso tamén temos os lugares denominados O Cocho e Cochón, en Saramagoso.
A forma Cuchiños en lugar de Cochiños, como derivadas da palabra cocho, debeuse a que na nosa zona tendemos a fechar en u as palabras que teñen un o na sílaba inicial cando esta é átona: *fuciño (en lugar de fociño), *fuchicar (en lugar de fochicar), *pumar (en lugar de pomar) etc.
En Redondela están rexistrados ao redor de trinta lugares con esa denominación. En Galicia aparecen recollidos máis de setenta lugares coas formas diminutivas Cuchiños e Cochiños, e son varios centos os topónimos rexistrados, con diversas variantes: Cocho, Cochón, Cochós, Cocheira, Cochello, A Cocha do Medio etc.
Na documentación histórica relativa ao Viso podemos atopar este topónimo no Expediente de comprobación de bienes, rentas y cargas, de 1761, e, anteriormente, no Libro de apeos da casa de Soutomaior, de 1644. En ambos os documentos aparecen alternando as formas Cochiños e Cuchiños.
1761: "Un sesto (sic) ferrado de labradío regadío de segunda calidad al sitio dos Cuchiños. Linda Levante y Poniente murado, Norte la dueña, Sur Juan Salgueiro". 1644: "yssaven (sic) la fuente que se le llama dos Cochiños de Padróns y el ágoa (sic) que della nasse y corre".