Aguilacho



MICROTOPÓNIMO DO BARRIO
Tuimil
DA PARROQUIA DE
O Viso

Aguilacho é un falso castelanismo da palabra castelá aguilucho en lugar da forma galega correcta aguiacho, que nomea a cría da aguia. Outra palabra existente no noso idioma para nomear a cría das aguias é aigote. A terminación -acho é un sufixo con valor diminutivo para referirse á cría da aguia. Tamén está presente noutros animais como anguiacho (cría da anguía) ou lebracho (cría da lebre). A palabra aguia provén do latín aquila 'aguia'. No galego medieval produciuse unha desaparición do L cando vai entre dúas vogais, como ocorre en palabras como muíño (lat. molinu), voar (lat. volare), de aí o resultado actual en galego aguia e, polo tanto, da súa cría, o aguiacho. Este topónimo posiblemente faga referencia a un lugar en que aniñaban as aguias, aínda presentes sobrevoando os ceos das nosas parroquias. En Galicia están rexistrados máis de oitenta lugares con topónimos derivados da palabra aguia: Niñodaguia (Ourense), Penadaguia (Paderne), Aguiar (Brión), Pereiro de Aguiar (Ourense) etc.