As Pereiras



MICROTOPÓNIMO DO BARRIO
Tuimil
DA PARROQUIA DE
O Viso

Este topónimo pode ter dúas posibilidades de significación. Por unha parte, a propia palabra nos remite ao nome da árbore que produce peras; por outra, tamén pode ser unha variante de pedreira, canteira. Será a visualización do lugar o que nos dea a pista de se se trata dun terreo de extracción de pedra ou de plantacións de árbores froiteiras.
Cando a pescuda visual non sexa suficiente, será a memoria da veciñanza a que poida darnos maior claridade a este respecto. Se se tratar dun lugar poboado de pereiras, esta palabra provén do latín piraria.
Se se tratar dunha pedreira, o topónimo Pereira tamén sería semellante ao topónimo Pereiro, terían a mesma orixe no latín petraria, petrariu. Na evolución do latín ao galego as formas petrariu, petraria pasan a pedreiro, pedreira, que poden manterse como tal ou perderen o -d- e resultaren pereiro, pereira, co significado de lugar poboado de pedras. Esta perda do -d- tamén se produciu no nome Pedro, que ten o seu correlativo Pero na Idade Media (cfr. trobadores Pero Meogo, Pero Gonçalves) e que deu lugar ao apelido Pérez.
Este topónimo, calquera que fose o seu significado, ten unha abundante presenza en toda Galicia, con varios milleiros de denominacións e variantes.
En Redondela atopamos este mesmo topónimo en Cabeiro, Cedeira, Negros, Reboreda, Saxamonde ou Vilar de Infesta. No Viso temos tamén As Pereiras en Tuimil.
Na documentación histórica relativa ao Viso podemos atopar este topónimo no Expediente de comprobación de bienes, rentas y cargas, de 1761: "Cinco ferrados de labradío secano y otros cinco de monte, uno y otro de tercera calidad al sitio das Pereiras, murado".