A Veiga do Medio



MICROTOPÓNIMO DO BARRIO
Tuimil
DA PARROQUIA DE
O Viso

O sinónimo máis inmediato que manexamos é leira para designar os campos de cultivo.
A orixe da palabra veiga é prerromana. Para algúns autores viría do ibero vaika 'veiga' derivada do substantivo vai 'río' co sufixo -ka 'zona do río'. Para outros estudosos pode provir da composición (terra) ibaika 'terreo á beira dun río'. En éuscaro actual, río dise ibai, en castelán vega.
É habitual que o topónimo Veiga apareza acompañado dunha palabra que identifique con maior precisión tanto as súas características, persoa propietaria ou a súa localización.
O substantivo Medio, que localiza este campo con respecto a outras propiedades, provén do latín metiu 'na metade'. En Redondela e no resto de Galicia aparecen topónimos compostos con este substantivo: As Leiras do Medio (Cedeira), A Veiga do Medio (Quintela); Morás do Medio (Arteixo), Os Castros do Medio (Mañón), A Fraga do Lombo do Medio (Mañón).
Na documentación histórica relativa ao Viso podemos atopar este topónimo no Libro de apeos da casa de Soutomaior, de 1644, e, posteriormente, no Expediente de comprobación de bienes, rentas y cargas, de 1761: "Un tercio ferrado de labradío regadío de primera calidad al sitio da Veiga do Medio. Linda Levante el dueño, Poniente y Sur Matías".