Os Cancelos



MICROTOPÓNIMO DO BARRIO
Tuimil
DA PARROQUIA DE
O Viso

Un cancelo ou cancela é o cerramento do paso a unha propiedade formada por táboas ou paus separados entre si e unidos aos traveseiros. A orixe da palabra está no latín cancellu, cancella (lido con dobre L). Na toponimia galega pode aparecer tanto na forma feminina Cancela coma na masculina Cancelo.
A terminación -elo, -ela provén do sufixo diminutivo latino -ellu, -ella (lido con dobre L). Esta terminación diminutiva evidencia a grande antigüidade deste tipo de palabras, xa que durante os primeiros séculos da implantación do latín no territorio galaico, o sufixo diminutivo predominante era -elo, -ela, aínda hoxe con notable presenza na nosa toponimia, mais a partir do século XI o sufixo diminutivo predominante pasou a ser -iño, hoxe en día xa case única na derivación de calquera palabra ao seu correspondente diminutivo.
En Redondela está rexistrado o topónimo na súa forma feminina O Cerrado da Cancela, en Cedeira, e Canceleira do Pelatripas, en Chapela. En Galicia aparecen rexistrados máis de dous mil topónimos con distintas variantes desta palabra: A Canceliña (Cerdido), O Cancelado (Vedra), A Chousa da Cancela (A Laracha), O Cancelo (A Laracha), As Canceleiras (Fornelos de Montes), O Canceleiro (Vedra) etc.
Na documentación histórica relativa ao Viso podemos atopar en Tuimil este topónimo na súa forma singular como O Cancelo e O Cocho do Cancelo, no Libro de apeos da casa de Soutomaior, de 1644.