A Cova do Souto



MICROTOPÓNIMO DO BARRIO
Tuimil
DA PARROQUIA DE
O Viso

A palabra Cova é bastante frecuente na toponimia galega. Procede do latín hispano cova, posiblemente un celtismo, variante ou dialectalización do latín clásico cava, forma feminina de cavus 'oco, cavidade'.
En toponimia pode referirse a unha cavidade ou depresión do terreo; tamén a un abrigo ou mesmo a un terreo afundido. Polo tanto, non nomean de forma exclusiva covas naturais, senón que sinalan ou identifican formas cóncavas ou fondas do terreo.
En Redondela temos varios lugares con esta denominación en Cedeira, Saxamonde, Vilar, Cabeiro, Negros ou Quintela, e en diversas variantes diminutivas como Covelo e Coviña.
A segunda parte do topónimo, Souto, provén do latín saltu 'bosque de árbores'. En galego foise concretando ata chegar a significar 'bosque de castiñeiros'. A abundancia de castiñeiros que aínda hoxe en día posuímos evidencia a importancia que a castaña tivo na nosa alimentación antes da chegada da pataca das Américas a partir do século XVI.
Son moitas as variantes que presenta a palabra souto na nosa toponimia, como Soutelo, Soutiño, Soutullo, Soutomaior ou Soutoxuste. En Redondela podemos atopar topónimos sobre a palabra souto nas parroquias de Cabeiro, Cedeira, Negros, Quintela, Reboreda ou Saxamonde.
No Viso, concretamente, sobre a palabra souto aparecen topónimos como Soutoxuste, así como A Cavada do Souto, ou Soutevelle e O Souto en Tuimil.
No resto de Galicia, a importancia destas plantacións de castiñeiros revélase nos máis de cinco mil topónimos existentes sobre a palabra souto.