Folgosas



MICROTOPÓNIMO DO BARRIO
Tuimil
DA PARROQUIA DE
O Viso

Para explicar con maior claridade a orixe e significado deste topónimo temos que remontarnos a unha base latina filix, filicis 'fento, felgo', que lle deu nome a unha das plantas máis abundantes nos nosos montes: o fento. Outras formas de denominalo en Galicia tamén son felgo e fieito, que explicaremos a continuación.
Sobre a devandita base latina desenvolvéronse variantes que deron lugar a diferentes palabras na actualidade. A partir dun derivado latino filicosa naceu este topónimo actual Folgosas. En Galicia atopamos outras variacións deste topónimo en masculino como Folgoso ou Felgoso. A presenza da vogal o na primeira sílaba explícase porque o f inicial da palabra, ao pronunciarse na parte dianteira da boca (entre os dentes e os labios) provoca a aparición da vogal o, que tamén se pronuncia na parte dianteira da boca, fronte á vogal i, que se pronuncia na parte traseira da boca. Este fenómeno fonético de desprazamento dunha vogal de atrás cara a adiante vese tamén noutras vacilacións como semana > *somana, separar > *soparar etc.
A variante latina filictu foi a que deu lugar ao nome actual fieito, con desaparición do L intervocálico, como ocorre en palabras como muíño (lat. molinu), voar (lat. volare). Desta variante latina tamén procede a palabra fento, quizais a través dunha variante do latín vulgar *finictu.
Outra variante latina filictaria, con sufixo colectivo -aria, deu orixe ao topónimo actual Fieiteira, con desaparición do L intervocálico. Tamén provén desta variante latina o topónimo Fenteira, quizais a través dun latín vulgar *finictaria, presente nas nosas parroquias de Cabeiro, Cedeira ou Reboreda.
Doutra variante latina con sufixo colectivo en -aria, filicaria, desenvolvéronse as denominación toponímicas actuais Filgueira, Felgueira, Folgueira. Esta diferenza entre as tres formas explícase pola vacilación que sofre a primeira vogal átona, como explicamos máis arriba.
En Galicia todos estes topónimos son moi abundantes por todo o noso territorio, con máis dun milleiro de formas rexistradas.
Na documentación histórica relativa ao Viso podemos atopar este topónimo no Expediente de comprobación de bienes, rentas y cargas, de 1761: "Un ferrado y medio de labradía secano de receta calidad al sitio de Fogosas".
Anteriormente, no Libro de apeos da casa de Soutomaior, de 1644, aparece como A Veiga de Folgosas, pertencente a Tuimil: "Y lo trae Pedro do Soto y entesta con la congrosta que va para la Veiga de Folgosas".