As Cavadiñas



MICROTOPÓNIMO DO BARRIO
Tuimil
DA PARROQUIA DE
O Viso

Esta palabra provén do latín cavata, participio do verbo cavare 'cavar'. A base léxica estaría na forma cavus, que significaba en latín 'cavidade, oco'. É un topónimo bastante presente en toda Galicia.
A terminación -iña é un sufixo diminutivo que procede do latín -ina. Durante os primeiros séculos da implantación do latín no territorio galaico, o sufixo diminutivo predominante era -elo, -ela, aínda hoxe con notable presenza na nosa toponimia, mais a partir do século XI o sufixo diminutivo predominante pasou a ser -iño, hoxe en día xa case única na derivación de calquera palabra ao seu correspondente diminutivo.
As cavadas teñen a súa orixe nos terreos incultos de monte ou matogueiras que se preparan -cavan- para o cultivo. Cando as necesidades de aumento de plantacións obrigaban a gañar novos terreos para o cultivo, cavábanse para poñelos a producir. Isto tivo lugar sobre todo a partir da chegada de novos produtos tras a conquista de América, principalmente as patacas e o millo.
Rotea ou Arrotea, Cachada, Rozada, Cavada, Vesada, Estibada, Asucada ou Noval son topónimos que conservamos na actualidade relacionados coas diferentes formas de chamarlle a ese traballo agrícola.
En Redondela temos varios lugares nomeados con este topónimo ou derivados: Cavada (Cesantes, Cedeira, Reboreda), Cavadiña(s) (Cedeira, Negros, Saxamonde, Vilar, Trasmañó).
En Galicia aparecen rexistrado máis de mil catrocentos lugares con topónimos a partir de cavada: A Veiga das Cavadas (Xermade), O Cavadoiro (Ramirás), As Cavadas Vellas (Bande), O Cavadelo (Carballedo) etc.
Na documentación histórica relativa ao Viso podemos atopar este topónimo no Expediente de comprobación de bienes, rentas y cargas, de 1761, como A Cavadiña ("Un sexto ferrado de monte de tercera calidad al sitio da Cavadiña"), así como outros lugares como A Cavada do Monte, A Cavada do Lombo, A Cavada Vella, A Cavada de Abaixo, A Cavada de Arriba, A Cavada do Eido ou A Cavada do Souto.