O Eido de Mouriño



MICROTOPÓNIMO DO BARRIO
Tuimil
DA PARROQUIA DE
O Viso

O topónimo Eido refírese ao terreo que arrodea a casa e que conforma a propiedade do predio. Normalmente contén a casa, as construcións anexas, os patios e unha zona de horta para cultivos variados. De aí que o topónimo que tamén existe en Cesantes denominado A Veiga do Eido faga referencia a un campo de cultivo que está dentro dun eido.
A palabra eido provén do latín aditu 'engadido', participio do verbo adire 'engadir', como referencia ao terreo que envolve a casa. Desta mesma base latina proceden tamén outras palabras actuais como adición, adicional ou aditivo. O topónimo Eido tamén vai acompañado normalmente de palabras que particularizan a súa localización, os seus posuidores ou as súas características: Eido do Souto (Quintela), O Eido Novo (Quintela), O Eido da Caseira (Cedeira).
O Eido de Mouriño refírese con seguridade ao apelido ou apelativo dunha persoa. A palabra Mouriño é un derivado diminutivo de mouro. Esta curiosa palabra, tan presente na nosa cultura, dálle nome a infinidade de lendas, topónimos e apelidos de persoas. Na nosa tradición, os mouros foron os habitantes dos castros e das anteriores mámoas neolíticas. Tamén aparecen nas fortalezas medievais máis antigas ou asociados a formacións rochosas de feituras especiais. Ás veces interactuaban cos seres humanos que viven nas proximidades destes espazos históricos e arqueolóxicos.
En canto á orixe desta palabra, para uns autores mouro provén do latín mauru 'de cor moura, orixinario de Mauritania'. Neste senso, o nome seríalles atribuído a partir da ocupación árabe da península por todo aquilo que os diferenciaba dos cristiáns: tiñan crenzas diferentes e representaban un pobo estraño e distinto.
Para outros autores, mouro tería a súa orixe na raíz prerromana *mor-/*mur- 'monte, promontorio rochoso'. A gran cantidade e variedade de topónimos que se desenvolveron a partir da base léxica mouro por todo o noso territorio leva a sustentar esta segunda teoría: Mouriño, Mourente, Mourenza, Mourentáns, Moureira, Mourence, Mourelle, Mourigade etc.
En Redondela temos o topónimo As Mouras en Saxamonde, ou a fonte do Mouro na vila.
O apelido Mouriño aparece en 78 concellos de Galicia con máis de tres mil trescentas ocorrencias.
No resto de Galicia, a partir da palabra mouro e as súas variantes, existen ao redor de dous mil topónimos rexistrados: Mourices (Palas de Rei), Mourazos (Verín), O Moural (Muíños) etc.