A Leira do Seixo



MICROTOPÓNIMO DO BARRIO
Tuimil
DA PARROQUIA DE
O Viso

Unha leira é un terreo de plantación ao que tamén denominamos unha veiga ou mesmo un eido, con este significado.
Non hai unanimidade en canto á orixe desta palabra tan popular no noso vocabulario. Hai autores que lle atribúen unha orixe prerromana, posiblemente un celtismo a partir dunha forma anterior *plarea 'chan'. Nas linguas célticas o p- inicial pérdese. Polo tanto, para algúns autores as nosas leiras entroncan co céltico lar ou laria, 'terreo chairo'. En cambio, en latín este p- inicial non se perde e derivaría en *planus 'campo, terra chaira'. En textos medievais galegos atopámola escrita como larea.
En Galicia aparece de forma abundante por todo o territorio baixo diferentes variantes derivadas como Leiro, Leirado, Leiradiño, Leiriña etc.
En canto á palabra Seixo, procede do latín saxu 'pedra dura' e aplícase a calquera pedra dura de pequeno tamaño, que a erosión tornou lisa e arredondada.
En Negros e Vilar de Infesta rexístrase tamén o topónimo O Seixo.
Na documentación histórica relativa ao Viso podemos atopar este topónimo no Expediente de comprobación de bienes, rentas y cargas, de 1761, e, anteriormente, no Libro de apeos da casa de Soutomaior, de 1644: "= La pieza da Leira do Seixo, que llevará de sembradura quatro ferrados".