A Gándara



MICROTOPÓNIMO DO BARRIO
Tuimil
DA PARROQUIA DE
O Viso

Unha gándara aparece definida nos dicionarios como 'terra baixa chea de vexetación brava de pouca altura', 'terreo enchoupado e de vexetación pouco aproveitable? ou ?terreo húmido, areoso e pouco produtivo'.
É unha palabra de orixe prerromana sobre a base léxica ganda 'lugar pedregoso', ao que algúns autores lle engaden o sufixo prerromano -ara moi frecuente en hidrotopónimos de orixe prerromana como Láncara, Támara ou Lóuzara.
Na nosa parroquia contamos con outro topónimo semellante a este denominado O Gandarón.
En Galicia existen máis de mil topónimos sobre a palabra gándara, con variantes como Gandarela, Gandariñas, Gandareira, Gandaral etc. O apelido Gándara conta en Galicia con máis de dúas mil oitocentas ocorrencias, a maioría concentradas en tres territorios: a Baixa Limia, O Baixo Miño e a Costa da Morte.
Na documentación histórica relativa ao Viso podemos atopar este topónimo no Expediente de comprobación de bienes, rentas y cargas, de 1761, e, anteriormente, no Libro de apeos da casa de Soutomaior, de 1644, no texto que reproducimos a continuación: "Entesta en la veiga que llaman de la Lumbre [recollida na actualidade como Veiga do Lume] de la iglesia de dicha feligresía y la divide la congrosta que va de la aldea de Tuimil para donde llaman la Fonte da Laxe y finca en el río que llaman de Rigueiro da Mo y con una esquina donde está un sobreiro grande dentro dela finca en el monte que llaman da Gándara".