Lamelas



MICROTOPÓNIMO DO BARRIO
Tuimil
DA PARROQUIA DE
O Viso

Unha lamela é un lugar que ten moita lama. Nalgúns lugares tamén se pode referir a prados con rega onde medra a herba todo o ano. Tamén se pode denominar con outras palabras como lameiro, lamazal, bulleiro ou trollo, entre outras. Lamela é un derivado da palabra lama, e ten unha orixe prerromana. Durante os primeiros séculos da implantación do latín no territorio galaico, o sufixo diminutivo predominante era -elo, -ela, aínda hoxe con notable presenza na nosa toponimia, mais a partir do século XI o sufixo diminutivo predominante pasou a ser -iño, -iña, hoxe en día xa case única na derivación de calquera palabra ao seu correspondente diminutivo. No Viso temos outro topónimo denominado O Lameiro.
Os topónimos existentes en Galicia sobre a palabra lama son moi abundantes en todo o territorio, achegándose ás catro mil formas rexistradas. En Redondela podemos atopar denominacións como A Lameira (Negros, Quintela, Saxamonde), O Lameiriño (Cedeira), As Lamelas (Reboreda).
Na documentación histórica relativa ao Viso podemos atopar este topónimo no Expediente de comprobación de bienes, rentas y cargas, de 1761, na súa forma singular A Lamela, e, anteriormente, no Libro de apeos da casa de Soutomaior, de 1644, baixo a denominación singular (heredad da Lamela) ou na forma plural (a veiga de Lamelas, ou la heredad de Lamelas): ?[y en] los mismos confines parte de la parte del norte con camino que va para Lamelas y hacia el vendaval (sur) con heredad que se dice y nombra de Mariaalvarez (hoxe Marialves) que es del foro de Tuimil y hacia la travesía con el cocho do Canselo (hoxe existe como camiño de Cancelos) que trae Margarida Bouzoa que es de dicho lugar de Tuimil?.