O Lameiro



MICROTOPÓNIMO DO BARRIO
Tuimil
DA PARROQUIA DE
O Viso

Un lameiro é un lugar que ten moita lama, ou onde se acumula moita auga no inverno. Tamén se pode denominar con outras palabras como lamela, lamazal, bulleiro ou trollo, entre outras. Lameiro é un derivado da palabra lama, e ten unha orixe prerromana.
A terminación en -eiro, -eira procede do latín -ariu, -aria. Trátase dun sufixo moi empregado na derivación de palabras e que lles proporciona distintos significados; neste caso, para denominar lugares do terreo onde se encontra algún elemento significativo: pedreira, canteira, regueiro, carreiro etc. No Viso temos outro topónimo denominado Lamelas.
Os topónimos existentes en Galicia sobre a palabra lama son moi abundantes en todo o territorio, achegándose ás catro mil formas rexistradas.
En Redondela podemos atopar denominacións como A Lameira (Negros, Quintela, Saxamonde), O Lameiriño (Cedeira), As Lamelas (Reboreda).
Na documentación histórica relativa ao Viso podemos atopar este topónimo no Expediente de comprobación de bienes, rentas y cargas, de 1761: "Vicente Cabaleiro. Una casa de un alto al sitio do Lameiro, tiene de frente seis varas, y de fondo cinco, linda por la derecha con Balthasar Lorenzo".