A Presa



MICROTOPÓNIMO DO BARRIO
Tuimil
DA PARROQUIA DE
O Viso

As presas son construcións para encorar a auga co fin de destinalas, normalmente, a usos agrícolas ou outros cometidos. A palabra presa provén do participio verbal latino prensa 'retido, agarrado', do verbo prendere 'reter, agarrar'. A perda do -n- antes do -s- é unha evolución fonética tamén presente noutras palabras con esta mesma secuencia como mensula > mesa, pensu > peso, tensu > teso etc.
Os topónimos que conteñen a palabra presa superan os dous milleiros en Galicia. En Redondela temos, por exemplo: A Presa de Liúfre (Negros) ou A Poza da Presa e O Monte da Presa (Quintela).
Na documentación histórica relativa ao Viso podemos atopar este topónimo no Expediente de comprobación de bienes, rentas y cargas, de 1761: "Un cuarto ferrado de labradío regadío de primera calidad al sitio da Presa. Linda Levante y Poniente murado, Norte Miguel Monte".