Outeiro das Penas



BARRIO DA PARROQUIA DE
Cesantes

A partir do latín clásico altu 'alto, elevado' creouse a palabra altariu, coa derivación a través do sufixo -ariu, que deu en galego actual o sufixo -eiro, orixinou a palabra outeiro, que designa un monte de pequena altura. A terminación en -eiro, -eira procede do latín -ariu, -aria. Trátase dun sufixo moi empregado na derivación de palabras e que lles proporciona distintos significados. Neste caso outórgalle ao topónimo un valor locativo, coa indicación de lugar topográfico, como sucede en ribeira, comareiro etc. En Redondela temos rexistrado o topónimo Outeiro en Negros, Quintela, Reboreda ou Saxamonde; e a súa variante diminutiva Outeiriño en Cedeira. Outeiro é un topónimo moi habitual en Galicia con ao redor de cinco mil lugares rexistrados en todo o territorio. A orografía Galega, ateigada de elevacións do terreo, propicia a existencia de tantos lugares con esta denominación. A palabra Pena significa pedra, penedo e ten unha orixe incerta. Para algúns autores proviría do latín pinna 'pluma, pináculo, amea dunha muralla'; para outros autores podería provir dunha base léxica prerromana *penn- 'rocha, pena'. En Redondela conservamos outros topónimos con esta palabra, como o camiño da Pena en Vilar de Infesta ou o camiño das Penas en Cedeira; tamén atopamos derivados da palabra pena como o monte da Peneda, ou monte Penide. En moitas ocasións, os topónimos dan lugar á existencia de apelidos homónimos. No caso do topónimo Outeiro non hai unha correspondencia co agardado apelido Outeiro, do que existen apenas uns trescentos casos no mapa da Cartografía dos Apelidos de Galicia, mentres que a forma castelanizada Otero presenta máis de corenta e dous mil apelidos rexistrados. Este é un exemplo da castelanización idiomática que sufriron os nosos apelidos ao longo da historia. No Expediente de comprobación de bienes, rentas y cargas, de 1763, xa aparece rexistrado en Cesantes este topónimo.