A Eira Vella



MICROTOPÓNIMO DO BARRIO
Outeiro das Penas
DA PARROQUIA DE
Cesantes

Unha eira é un terreo chan próximo á casa, feito de terra firme ou de pedra, onde se mallan os cereais, se botan a secar os legumes etc. O substantivo eira formouse a partir do latín AREA, "espazo libre, superficie plana". En Galicia adopta tamén unha variante máis próxima á orixe da palabra: aira. Cando este topónimo aparece en composición con outras palabras leva normalmente preposición como elemento conector. Esta segunda palabra indica o lugar onde se atopa ou a referencia á persoa posuidora ou calquera outra indicación identificadora: Eira de Arriba, Eira do Santo, Aira do Cabo... Cando vai composta cun adxectivo, non leva conector: Eira Vella, A Aira Malladoira. En Redondela temos un barrio de Cedeira que se denomina Eira Pedriña, que fai referencia ao tipo de chan empedrado que lle deu nome. Como derivado de eira cun sufixo diminutivo temos en Cesantes o lugar da Eiriña. A palabra Vella provén do latín VETUS "vello" ao que se lle engadiu o sufixo diminutivo latino -ULU, -ULA, o que deu VETULU, VETULA, de onde proveñen os actuais vello, vella. . No Expediente de comprobación de bienes, rentas y cargas de la feligresía de San Pedro de Cesantes, de 1763, xa aparece rexistrado este topónimo.