Areeiro



MICROTOPÓNIMO DO BARRIO
Outeiro das Penas
DA PARROQUIA DE
Cesantes

O topónimo Areeiro, que na fala tamén se pronuncia como Arieiro, é un derivado da palabra area, ao que se lle engadiu o sufixo -eiro. A palabra area ten a súa orixe no latín ARENA. Na evolución da palabra no noso idioma, o -N- intervocálico desaparece, como lles ocorre a moitas das palabras máis antigas da nosa lingua como moeda (lat. MONETA), lúa (lat. LUNA), soar (lat. SONARE). A terminación en -eiro, -eira procede do latín -ARIU, -ARIA. Trátase dun sufixo moi empregado na derivación de palabras e que lles proporciona distintos significados. A maiores doutras posibles derivacións, no caso da palabra que nos concirne, Areeiro, o sufixo -eira engade sentido de abundancia ou colectivo, como en carballeira, trigueira, herbeiro etc. Na súa orixe, podía nomear un terreo areoso, ou a un lugar con abundancia de xabre. No Expediente de comprobación de bienes, rentas y cargas de la feligresía de San Pedro de Cesantes, de 1763, xa aparece rexistrado este topónimo como O Areeiro ou O Arieiro.