O Regato



MICROTOPÓNIMO DO BARRIO
Outeiro das Penas
DA PARROQUIA DE
Cesantes

A praia de Cesantes ten unha lonxitude total de 2,65 km. Ao longo do seu percorrido vai haber diferentes topónimos para denominar distintas zonas da praia. Os topónimos serven como xeolocalizadores para situar calquera punto ao longo do areal.
Comezando desde o peirao de Cesantes, podemos xeolocalizar diversas zonas. A uns cento cincuenta metros do peirao está a zona denominada Os Barreiros. Seguidamente temos a zona do Castañal. Un pouco máis adiante está A Marina. Posteriormente a zona da Pedra Rubia, seguida do Loureiro ou do Estaleiro. Finaliza esta banda do Sur na Punta da Praia. A banda do Norte mantén esta denominación ata chegar case ao final do areal, onde se sitúa a zona do Regato e, a continuación, o Viveiro.
As palabras regato, regueiro e rego poden empregarse indistintamente como sinónimas para designar unha corrente de auga pequena. Sobre a súa orixe, algúns autores atribúenlle unha procedencia prerromana a partir da raíz *rek-. Para outros autores tería orixe no latín riga, que habería que poñer en relación co propio verbo latino rigare 'regar'.
En Redondela atopamos O Regato das Matutas en Saxamonde, aínda que os máis abundantes no noso concello son os formados con Regueiro e Regueira: O Regueiro da Feixa (Cedeira), A Poza da Regueira (Cedeira), O Cocho da Regueira (Chapela), O Regueiro do Porto (Quintela), Muíño do Regueiral (Saxamonde) etc.