A Coviña



MICROTOPÓNIMO DO BARRIO
Outeiro das Penas
DA PARROQUIA DE
Cesantes

Este topónimo é bastante frecuente en Galicia. Procede do latín hispano COVA, posiblemente un celtismo, variante ou dialectalización do latín clásico CAVA, forma feminina de CAVUS "oco, cavidade". A esta base léxica engadíuselle posteriormente o sufixo diminutivo -iño para destacar a característica do seu pequeno tamaño. En toponimia pode referirse a unha cavidade ou depresión do terreo; tamén a un abrigo ou mesmo a un terreo afundido. Polo tanto, non nomean exclusivamente covas naturais, senón que sinalan ou identifican formas cóncavas ou fondas do terreo. En Redondela temos varios lugares con esta denominación en Cedeira, Saxamonde, Vilar, Cabeiro, Negros ou Quintela, e noutras variantes diminutivas como Covelo. No Expediente de comprobación de bienes, rentas y cargas de la feligresía de San Pedro de Cesantes, de 1763, xa aparece rexistrado este topónimo.