Saíñas



MICROTOPÓNIMO DO BARRIO
Outeiro das Penas
DA PARROQUIA DE
Cesantes

Este topónimo, situado preto da Punta da Praia, fai referencia á existencia no lugar dunhas antigas saíñas ou salinas, espazo destinado á obtención de sal mediante o encoramento e evaporación da auga do mar.
Esta palabra ten a súa orixe no latín salinas, forma feminina do adxectivo salinu, derivado á súa vez da palabra sale 'sal' mediante o sufixo latino -inu. Esta terminación latina foi moi produtiva na creación de palabras (tanto substantivos como adxectivos derivados de substantivos) para expresar, entre outras, pertenza ou relación (caprino, beneditino), orixe (alacantino, chantadino) etc.
Saíñas é unha palabra máis antiga ca salinas, xa que observamos que presenta a perda do L intervocálico, fenómeno que se produciu no paso do latín ao galego. A palabra salinas foi unha incorporación posterior ao idioma.
Este topónimo aparece rexistrado en Galicia nuns sesenta lugares.
O topónimo Saíñas que temos en Cesantes, preto do mar, é un vestixio moi importante na actualidade da referencia á existencia dunhas salinas no noso concello. Isto serve para evidenciar que aínda que unha actividade como foi na antigüidade a extracción de sal desaparecese, quedou o nome do lugar onde se realizaba como testemuño da súa existencia. Outras salinas próximas a nós son as de Ulló, no concello de Vilaboa.
No documento de Foros que fai Urraca de Moscoso, de 1548, xa aparece rexistrado en Cesantes este topónimo.