Os Campos da Ribeira



MICROTOPÓNIMO DO BARRIO
Outeiro das Penas
DA PARROQUIA DE
Cesantes

Este topónimo ten a súa orixe no latín CAMPU. As palabras campo, leira e veiga son as máis comúns para designar o lugar de plantación que rodea as casas e lugares. No noso concello campo é un dos topónimos máis numerosos. A segunda parte da palabra fai referencia a unha localización do campo, preto da beira do mar, neste caso. En Cesantes atopamos diversas formas do topónimo Campo: como diminutivo Campiño, ou en composición con outras palabras como Campo do Medio (localización con respecto a outras propiedades), Campos Abertos (característica concreta), Campo dos Frades (relación de propiedade). Por outros lugares de Galicia atopamos variantes como Campelo (tamén diminutivo), Campeliño (con dobre sufixo diminutivo), Camposa, Campocelo, e en innumerables composicións como Campo da Longra (Cedeira), Campo da Roda (Reboreda), Campolongo, Campochán? Unha ribeira é a franxa de terra que está ao lado dun río, dun lago ou do mar. Provén do latín RIPARIA "ribeira". A terminación en -eiro, -eira procede do latín -ARIU, -ARIA. Trátase dun sufixo moi empregado na derivación de palabras e que lles proporciona distintos significados; neste caso aplícase para designar a identificación tipográfica dun lugar. No Expediente de comprobación de bienes, rentas y cargas de la feligresía de San Pedro de Cesantes, de 1763, xa aparece rexistrado este topónimo como O Campo da Ribeira e, anteriormente, no Libro de apeos da casa de Soutomaior, de 1644, aparece como Veiga da Ribeira.