Abilleira



MICROTOPÓNIMO DO BARRIO
Outeiro das Penas
DA PARROQUIA DE
Cesantes

Este topónimo presenta dúas pronunciacións diferentes: Abelleira e Abilleira. Como palabra derivada da forma estándar "abella", a esperada é Abelleira. Mais na área dialectal en que nos atopamos, é normal o paso dun "e" átono a "i": millor, pior, pidir... Polo tanto, podemos concluír que as dúas formas Abelleira e Abilleira son correctas, a primeira estándar e a segunda dialectal. A palabra abella provén do latín apicula 'abella pequena', que procede da base latina apis (apicultura, apicultor) á que se lle engadiu o sufixo diminutivo latino -ulu, -culu. A terminación en -eiro, -eira procede do latín -ariu, -aria. Trátase dun sufixo moi empregado na derivación de palabras e que lles proporciona distintos significados; neste caso, para denominar lugares onde se encontran animais: tobeira, teixugueira, raposeira etc. Os dicionarios galegos, a partir do de Juan Piñeiro Cuviol de 1876, xa rexistran a forma "abilleira", unhas veces como voz única e outras como variante de "abelleira". Nas definicións que parecen nos diferentes dicionarios podemos observar dous significados distintos, mais, ao mesmo tempo, relacionados entre si.