O Loural de Abaixo / de Arriba



MICROTOPÓNIMO DO BARRIO
Outeiro das Penas
DA PARROQUIA DE
Cesantes

Este topónimo designa un lugar onde abundan loureiros (Laurus nobilis). A palabra Loural provén do latín clásico lauru, ao que se lle engade un sufixo latino -ale con valor colectivo ou abundancial, como ocorre en toxal, piñeiral, herbal etc.
Non obstante, a partir da denominación común desta árbore, loureiro, cabería agardar un derivado abundancial Loureiral, que existe por outros lugares de Galicia. Outro sufixo colectivo que tamén expresa a abundancia de loureiros é a terminación -edo, -ido, que dá os topónimos Louredo, Lourido.
Como curiosidade, no caso que nos ocupa observamos, entón, que o nome do loureiro provén do latín coloquial laurariu, mentres que o nome colectivo ou abundancial que está presente na toponimia de Cesantes provén dun latín clásico lauru.
En Redondela aparecen recollidos topónimos a partir da palabra loureiro en Cesantes, Cedeira, Quintela, Reboreda, Vilar de Infesta ou O Viso.
En Galicia están recollidos máis de mil topónimos derivados da palabra loureiro.
No Expediente de comprobación de bienes, rentas y cargas de la feligresía de San Pedro de Cesantes, de 1763, xa aparecen rexistrados estes topónimos.