A Carballa da Auga



MICROTOPÓNIMO DO BARRIO
Outeiro das Penas
DA PARROQUIA DE
Cesantes

A orixe da palabra carballo é incerta, aínda que os diferentes autores coinciden en que sería prerromana, moi asentada en todo o territorio galaico antes da chegada do latín para denominar esta árbore tan común e abundante, polo tanto, con máis de dous mil anos de antigüidade no noso vocabulario. Hai autores que a fan derivar da palabra base "carba", á que se lle engadiría o sufixo do latín -ALIU. A forma latina que trouxeron os romanos deriva de robore, que deu en castelán "roble", pero que non temos como palabra galega na actualidade, aínda que si deixou pegada na toponimia con formas como o da nosa Reboreda, Rebordaos, Rebordiño, Rebordechao etc. A forma feminina carballa fai referencia a un carballo moi vello e voluminoso. Este topónimo ten bastante presenza tamén en toda Galicia. No Expediente de comprobación de bienes, rentas y cargas de la feligresía de San Pedro de Cesantes, de 1763, xa aparece rexistrado este topónimo.