Soutoxuste



BARRIO DA PARROQUIA DE
O Viso

Este topónimo está composto por dúas palabras: Souto e Xuste. A primeira refírese a un lugar poboado de castiñeiros, e a segunda provén dun nome propio de persoa.
Souto procede do latín saltos que tiña un significado de lugar de pasto con bosque. Hoxe en día, o Dicionario da Real Academia Galega define souto como "terreo poboado de castiñeiros; castañal, castiñeira".
O paso de salto a souto pasa pola vocalización da consonante -L- (como ocorre noutras palabras como outro < latín alteru, outeiro < latín altariu), que daría *sauto e, posteriormente, unha harmonización das dúas vogais entre si ata chegar ao actual souto. A importancia da castaña na economía doméstica galega fixo que este topónimo fose moi numeroso en Galicia, adoptando numerosas variantes e composicións: Soutelo de Montes, Souteliño, Soutiño, Soutullo, Soutomaior etc. En Galicia aparecen rexistrados máis de cinco mil lugares a partir da palabra souto.
A segunda palabra que compón o topónimo Soutoxuste provén dun nome de persoa. En ocasións as denominacións de territorios (lugares, barrios, parroquias etc.) teñen a súa orixe no nome da persoa propietaria, como ocorre con Tuimil (de Teodomiro), ou Gontade (A Nogueira), con orixe no nome Gontatus.
A partir do nome latino de persoa Iustus, chega a nós a través da forma do xenitivo Iusti. A partir desa forma latina, a terminación -i pasa a -e, como ocorre normalmente na evolución dos xenitivos latinos.
O xenitivo era a forma da palabra (denominada caso) que se empregaba para indicar, entre outros, o significado de posesión. Deste xeito, unha forma léxica Iuste referiríase a un territorio que pertencía a unha persoa chamada Iustus.
Polo tanto, Soutoxuste refírese a un lugar ou territorio no que existía un souto que pertencía a unha persoa chamada Xusto.
Na documentación histórica relativa ao Viso podemos atopar Soutoxuste como nome de lugar, baixo a forma castelanizada Sotojusto, a partir do século XVII.