Costeiras



MICROTOPÓNIMO DO BARRIO
Soutoxuste
DA PARROQUIA DE
O Viso

Este topónimo pode ter dúas interpretacións, dado o lugar en que se atopa, xa que por unha parte está nun terreo en pendente, e, por outra parte, está situado moi próximo á costa marítima.
Por canto está nun terreo en desnivel, a forma Costeira é un derivado de costa co significado de 'terreo en pendente', que ten a súa orixe no latín costa 'costela, costado, lado'. Esta acepción da palabra costa, co tempo, foi aplicada tamén ás ladeiras ou costados das montañas; de aí o significado de terreo en pendente. Na nosa linguaxe coloquial, cando dicimos levar algo ás costas, podemos ver a relación directa da palabra costas coa súa orixe no significado en latín como costelas.
Por canto está nun terreo situado preto da beiramar, a forma Costeira é un derivado de costa co significado de 'zona de terra que está próxima ao mar'. Ten a mesma orixe latina, co significado orixinario de 'costela, costado, lado', que tamén foi estendido ao 'costado do mar contra a terra ou da terra contra o mar'.
A terminación en -eira, -eiro procede do latín -aria, -ariu. Trátase dun sufixo moi empregado na derivación de palabras e que lles proporciona distintos significados; por exemplo, para denominar lugares concretos da topografía con determinadas características: canteira, lameiro, pedreira, ribeira etc.
En Galicia están rexistrados por encima dos trescentos topónimos con esta forma, e máis de seis mil topónimos sobre a palabra costa, tanto para as acepcións marítimas como, principalmente, para os desniveis de terreo.
Na documentación histórica relativa ao Viso podemos atopar este topónimo na súa variante singular A Costeira no Expediente de comprobación de bienes, rentas y cargas, de 1761, xunto con outras formas como A Costeiriña e A Custeiriña e A Custeira.