Eido de Meneses



MICROTOPÓNIMO DO BARRIO
Soutoxuste
DA PARROQUIA DE
O Viso

O topónimo Eido refírese ao terreo que arrodea a casa e que conforma a propiedade do predio. Normalmente contén a casa, as construcións anexas, os patios e unha zona de horta para cultivos variados. De aí que o topónimo que tamén existe en Cesantes denominado A Veiga do Eido faga referencia a un campo de cultivo que está dentro dun eido. A palabra eido provén do latín aditu ' engadido ', participio do verbo adire ' engadir ', como referencia ao terreo que envolve a casa. Desta mesma base latina proceden tamén outras palabras actuais como adición, adicional ou aditivo. O topónimo Eido tamén vai acompañado normalmente de palabras que particularizan a súa localización, os seus posuidores ou as súas características: Eido do Souto (Quintela), O Eido Novo (Quintela), O Eido da Caseira (Cedeira). Meneses é posiblemente un apelido de persoa. En Galicia existen pouco máis de cento vinte ocorrencias deste apelido. A maior concentración, na actualidade, dáse nos concellos de Vigo, Baiona, Nigrán e Gondomar. En Portugal este apelido escríbese Menezes. Como apelido proviría do nome latino Mennecus, que formaría o apelido mediante o sufixo patronímico -ez (a partir do nome do pai), unha posible herdanza do denominado xenitivo xermánico, que tamén pode darse como -iz e -is. Polo tanto, a partir de Mennecus derivaría o apelido Mennecez. Na Idade Media tanto o -z- como o -c (e,i)- pronúncianse con -s-. De aí que na escrita deste apelido apareza representada a súa antiga pronunciación: Meneses.