Coto Rapado



MICROTOPÓNIMO DO BARRIO
Soutoxuste
DA PARROQUIA DE
O Viso

Un coto é parte máis alta dun monte ou promontorio, que presenta normalmente unha forma cónica. A orixe deste topónimo está na base prerromana cott 'pico, elevación'. Sobre esta base derivaríanse outros topónimos como Cotarelo, Cotiño, Picoto, Piricoto, Cotarón etc. Fai referencia a lugares elevados.
Non debe confundirse con Couto, que provén co latín cautu 'protexido, defendido' e que faría referencia a lugares delimitados (couto de caza, couto de pesca).
En Galicia, dada a súa orografía, están rexistrados varios milleiros de topónimos coa forma Coto e derivados.
A segunda parte do topónimo, Rapado, fai referencia a un terreo pelado, sen herbas, matas nin plantas. O adxectivo rapado procede do participio do verbo rapar, que ten a súa orixe no gótico *hrapon 'arrancar'. As palabras rapina, rapineiro e (ave) rapaz teñen esta mesma orixe léxica.
En Redondela temos un Coto Rapado en Cabeiro. No resto de Galicia están rexistrados ao redor de vinte topónimos con esta denominación.