Fontán



MICROTOPÓNIMO DO BARRIO
Soutoxuste
DA PARROQUIA DE
O Viso

Fontán procede do latín fontanu, derivado, á súa vez, do termo fonte. Aínda que a palabra base é fonte, Fontán non se refire normalmente a unha fonte, senón que nomea un regueiro de auga, un regato proveniente dun manancial. Na documentación medieval aparece con ese significado de corrente de auga: "fontano qui discurrit de domo Sendini" (927); "fontanum qui discurrit iuxta domus de Marico" (950-951); "fontano qui discurrit de castro" (962). Hai autores que propoñen unha interpretación diferente, facéndoa provir da expresión latina terra fontana 'terreo onde nace auga ou se acumula auga'. O apelido Fontán, do que hai máis de catro mil setecentos exemplos en Galicia -centrados a maioría na franxa atlántica da provincia de Pontevedra-, está relacionado con este topónimo, de tal xeito que ás veces é difícil determinar se o nome do lugar é debido ao apelido da persoa propietaria ou ao revés. Este topónimo ten, ademais, dúas terminacións diferentes: Fontán, maioritaria na zona occidental de Galicia, e Fontao, maioritaria na zona centro oriental galega. Entre as dúas formas suman máis de cincocentos topónimos rexistrados en Galicia. Na documentación histórica relativa ao Viso podemos atopar este topónimo no Expediente de comprobación de bienes, rentas y cargas, de 1761: "Un tercio ferrado de parra de tercera calidad al sitio de Fontán. Linda Levante Antonio".