O Freixo



MICROTOPÓNIMO DO BARRIO
Soutoxuste
DA PARROQUIA DE
O Viso

O freixo (Fraxinus excelsior) é unha árbore con abundante presenza en Galicia e que motivou a existencia de numerosos topónimos a partir do seu nome. A palabra freixo procede do latín fraxinus. Na evolución deste termo latino ao galego, déronse varios pasos: o -n- intervocálico desaparece, como lles ocorre a moitas das palabras máis antigas da nosa lingua como moeda (lat. moneta), lúa (lat. luna), soar (lat. sonare) e obtemos unha hipotética forma inicial *fraxiu; a letra x pronúnciase como [ks] (igual que na palabra "éxito"), e prodúcese unha vocalización en [i] do [k] inicial (como ocorre en palabras como eixe < axis, teixo < taxu); a continuación o son [s] palataliza e o ditongo -ai- harmonízase en -ei- por maior proximidade fonética entre as dúas vogais.
Sobre esta base léxica desenvólvense outros topónimos presentes na nosa xeografía: Freixeiro, Freixeira, Freixal, Freixido, Freixedo etc. No Viso temos outro topónimo denominado A Freixeira, como lugar onde abundan ou abundaban os freixos.
En Galicia están rexistrados máis de trescentos topónimos coa palabra Freixo. Cando nos estendemos aos derivados de freixo, aparecen máis de cincocentos topónimos en todo o noso territorio galego.
Na documentación histórica relativa ao Viso podemos atopar este topónimo no Expediente de comprobación de bienes, rentas y cargas, de 1761: "Un sexto ferrado de soto de segunda calidad al sitio do Freixo, linda por Levante Alonso de Soto, Poniente, Norte y sur murado".