Moreiras



MICROTOPÓNIMO DO BARRIO
Soutoxuste
DA PARROQUIA DE
O Viso

Para algúns autores o topónimo Moreira refírese á árbore que dá moras ou amoras, e sería a árbore onde se crían os vermes da seda. O nome deste froito, as amoras, coincide co nome do froito das silveiras, pero non deben confundirse. Moreira proviría do latín mora. Para este significado, a terminación en -eira procedería do latín -aria, -ariu. Trátase dun sufixo moi empregado na derivación de palabras e que lles proporciona distintos significados; neste caso, para denominar árbores e plantas: laranxeira, limoeiro, meloeiro, figueira etc.
En cambio, para outros autores, esta árbore foránea en Galicia, chegada durante a Idade Media, motivado polo cultivo da seda, non podería estar na orixe dos arredor de catrocentos nomes de lugar rexistrados no noso territorio. Por iso apuntan á posibilidade dunha raíz prerromana mor- 'rocha, monte', cun significado, polo tanto, de lugar onde abundan rochas ou penedos. Para este significado, o sufixo -eira significaría lugar onde hai ou abundan rochas ou penedos, ou un lugar significativo da topografía, montaña, como sucede en palabras como outeiro, ribeira etc.
Sen podermos desbotar ningunha das dúas posibilidades, será a observación do terreo a que nos indique cal das interpretacións sería a máis adecuada.
Na documentación histórica relativa ao Viso podemos atopar este topónimo no Expediente de comprobación de bienes, rentas y cargas, de 1761: "Un tercio ferrado de labradío regadío de primera calidad y un duodécimo de monte de la misma al sitio da Moreira. Linda".