O Sobreiral



MICROTOPÓNIMO DO BARRIO
Soutoxuste
DA PARROQUIA DE
O Viso

Un sobreiral é un lugar poboado de sobreiras. A palabra sobreira (Quercus suber) provén do latín suberaria, derivado á súa vez do latín clásico suber. O termo latino suber foi ampliado na maior parte dos territorios co sufixo -aria, -ariu, co que se obtivo o derivado suberaria, suberariu, do que procede sobreira, sobreiro. Normalmente nomea árbores illadas. Cando aparecen formando un bosque as denominacións colectivas que se empregan de forma maioritaria por Galicia están representadas en topónimos como Sobral (sobre o latín clásico suber), Sobreiral, Sobredo e mesmo Sobroso e Sobrosa.
A terminación -al provén do sufixo latino -ale, con significado colectivo, para indicar un conxunto de árbores ou arbustos, o lugar onde abundan ou o lugar de cultivo, como ocorre con palabras como toxal, piñeiral, salgueiral etc.
En Redondela están recollidos O Sobreiro no propio Viso e en Cedeira e Cesantes, e As Sobrosas en Saxamonde.
En Galicia están rexistrados máis de cincocentos lugares como topónimos a partir do nome desta árbore.
Na documentación histórica relativa ao Viso podemos atopar este topónimo no Expediente de comprobación de bienes, rentas y cargas, de 1761: "Tres cuartos de un ferrado de parra de segunda calidad al sitio do Sobreiral".