Cortiñas



MICROTOPÓNIMO DO BARRIO
Soutoxuste
DA PARROQUIA DE
O Viso

Unha cortiña é unha horta de plantío, normalmente de pequenas dimensións, próxima á casa.
Sobre a orixe deste termo hai varias posibilidades. Para uns autores, podería derivar do latín cohorte 'recinto fechado por muros ou valados, curral'. Para outros autores, podería ter que ver cunha palabra latina derivada mediante un prefixo: cum + horta 'horta', de onde se desenvolvería *conorta. Na evolución da palabra no noso idioma, o -N- intervocálico desaparece, como lles ocorre a moitas das palabras máis antigas da nosa lingua como moeda (lat. moneta), lúa (lat. luna), soar (lat. sonare). O resultado final sería a palabra corte, e, por derivación diminutiva, cortiña.
A terminación -iño é un sufixo diminutivo que procede do latín -inu, -ina. Durante os primeiros séculos da implantación do latín no territorio galaico, o sufixo diminutivo predominante era -elo, -ela, aínda hoxe con notable presenza na nosa toponimia, mais a partir do século XI o sufixo diminutivo predominante pasou a ser -iño, hoxe en día xa case única na derivación de calquera palabra ao seu correspondente diminutivo.
Nas parroquias de Quintela, Chapela e nos arredores da propia vila existe tamén cadanseu lugar denominado As Cortiñas.
En Galicia o topónimo Cortiña é un dos máis repetidos por todo o territorio, con máis de sete mil lugares rexistrados.
Na documentación histórica relativa ao Viso podemos atopar este topónimo no Expediente de comprobación de bienes, rentas y cargas, de 1761, xunto con outras variantes como o singular A Cortiña ou, coa pechazón da primeira vogal, A Curtiña.