A Carrasqueira



MICROTOPÓNIMO DO BARRIO
Soutoxuste
DA PARROQUIA DE
O Viso

Unha carrasqueira é un lugar poboado de carrascos. Tamén se pode denominar carrascal ou carrasquedo. O carrasco ou carrasca é un arbusto moi abundante en todos os montes de Galicia. Por este motivo, recibe moitos nomes ao longo do noso territorio: carpaza, carroucha, cubillón, foupa, queiroa, queiroga ou queiruga. Os apelidos Carrascal, Quiroga e Queiruga, por exemplo, proveñen do nome deste arbusto.
A orixe da palabra carrasco / carrasca é difícil de precisar. Para algúns autores proviría do latín carex/caricis. Para outros autores tería unha orixe prerromana na raíz car- 'rocha, cousa dura' (de onde proviría tamén a palabra carballo).
En canto á terminación -asco, -asca, supónselle tamén unha orixe prerromana de significado descoñecido. Esta terminación está tamén presente noutros vexetais como fasco, panasco ou verbasco.
A terminación -eira de Carrasqueira procede do latín -aria, -ariu. Trátase dun sufixo moi empregado na derivación de palabras e que lles proporciona distintos significados; por exemplo, para denominar árbores e plantas: laranxeira, limoeiro, herbeiro, toxeira etc.
En Redondela están rexistrados A Carrasqueira (Cabeiro) e O Carrascal (Reboreda e Vilar de Infesta).
En Galicia aparecen rexistrados máis de trescentos topónimos a partir da palabra carrasco e variantes.
Na documentación histórica relativa ao Viso podemos atopar este topónimo no Expediente de comprobación de bienes, rentas y cargas, de 1761 ("Un duodécimo ferrado de monte de tercera calidad al sitio da Carrasqueira, linda murado"). Anteriormente, no Libro de apeos da casa de Soutomaior, de 1644, aparece a forma O Carrascal ("se dice y nombra do Carrascal").