Riba da Cal



MICROTOPÓNIMO DO BARRIO
Soutoxuste
DA PARROQUIA DE
O Viso

Riba ten a súa orixe no latín ripa co significado de 'beira, ribeira'. Refírese a terreos ou propiedades que están na proximidade de correntes de auga ou do mar.
A cal ou canle é unha canalización artificial para que corra a auga por ela, tanto para regar campos como para levar auga aos muíños. Ten a súa orixe no latín canale 'canal, canle, cal'. Na evolución da palabra no noso idioma, o -N- intervocálico desaparece, como lles ocorre a moitas das palabras máis antigas da nosa lingua como moeda (lat. moneta), lúa (lat. luna), soar (lat. sonare), de aí o resultado final cal. Nun paso intermedio antes da súa desaparición, o N nasaliza as vogais que o acompañan. Esa nasalización na maioría dos casos desaparece completamente e outras veces reaparece en forma de N: coello / coenllo (do latín cuniculu); irmao / irmán (do latín germanu). De aí que teñamos as formas cal e canle como sinónimas no noso idioma.
Na parroquia de Cedeira temos un topónimo denominado A Fonte da Cal.
Na documentación histórica relativa ao Viso podemos atopar este topónimo no Expediente de comprobación de bienes, rentas y cargas, de 1761: "Un cuarto ferrado de labradío secano de segunda calidad al sitio de Riva (Riba) da Cal. Linda murado".