Saramagoso



BARRIO DA PARROQUIA DE
O Viso

Saramagoso é un derivado da palabra saramago. O saramago ( Raphanus raphanistrum ) é unha planta silvestre con flor que ten unha procedencia incerta, que posiblemente chegue a nós desde o Mediterráneo, mais que hoxe en día xa é considerada unha planta nativa, non invasora.
Segundo o filólogo Gonzalo Navaza, o seu nome procede probablemente do fitónimo árabe sarmaq .
A terminación -oso provén do sufixo latino -osu, -osa , que ten un significado colectivo ou abundancial, como ocorre noutros topónimos: A Ramallosa (Nigrán), A Xestosa (Covelo), As Sobrosas (Saxamonde) etc.
Polo tanto, Saramagoso significa lugar onde abundan os saramagos.
O topónimo Saramagoso aparece espallado por numerosos concellos da franxa occidental galega, como Coristanco, Porto do Son, Lousame, Meis, Cangas ou Mondariz. Pola súa banda, en Silleda rexístrase a forma feminina Saramagosa.
A elevación máis alta da serra do Galleiro, en Mos, denomínase monte Saramagoso.
Na documentación histórica relativa ao Viso podemos atopar este topónimo a partir do século XVII e XVIII, como ocorre no Expediente de comprobación de bienes, rentas y cargas , de 1761: "La duodécima parte de un ferrado de parra y huerta de segunda calidad al sitio de Saramagoso".