As Vesadas



MICROTOPÓNIMO DO BARRIO
Saramagoso
DA PARROQUIA DE
O Viso

As vesadas son terras aradas ou rozadas. A palabra vesada provén do participio verbal latino versata 'voltada, xirada, arada', pertencente ao verbo latino versare 'voltear, xirar, arar'.
Por unha parte, unha vesada pode nomear terras aradas preparadas para o cultivo e produtos agrícolas. Mais, por outra parte, as vesadas poden ter a súa orixe nos terreos incultos de monte ou matogueiras que se preparan para o cultivo. Cando as necesidades de aumento de plantacións obrigaban a gañar novos terreos para o cultivo, arábanse para poñelos a producir. Isto tivo lugar sobre todo a partir da chegada de novos produtos tras a conquista de América, principalmente as patacas e o millo.
Outras palabras que aparecen na toponimia con este significado son Rotea ou Arrotea, Cachada, Rozada, Cavada, Estibada, Asucada, Noval, topónimos que conservamos na actualidade relacionados coas diferentes formas de chamarlle a ese traballo agrícola. Unha das partes do arado de ferro chámase o vesadoiro (vesadouro na nosa zona), que é a peza de ferro que serve para voltear a terra cara aos lados.
En Redondela temos rexistrados os topónimos Besada (Cedeira) ou As Besadas (Saxamonde).
En Galicia están rexistrados ao redor de mil topónimos a partir da palabra vesada e os seus derivados.
Na documentación histórica relativa ao Viso podemos atopar este topónimo, na súa forma singular A Vesada, no Expediente de comprobación de bienes, rentas y cargas, de 1761: "Medio ferrado de labradío secano de primera calidad al sitio da Vesada".