O Torreiro do Viso



MICROTOPÓNIMO DO BARRIO
Saramagoso
DA PARROQUIA DE
O Viso

A palabra torreiro ou turreiro son variantes do termo terreiro, que aparece definido como un espazo amplo de terra situado nunha zona central dun lugar habitado. Na nosa zona empregamos especialmente a palabra torreiro ou turreiro para denominar o campo da festa. A orixe destes tres nomes está no latín terrariu, derivado, mediante o sufixo -ariu do orixinal latino terra.
A terminación en -eiro, -eira procede do latín -ariu, -aria. Trátase dun sufixo moi empregado na derivación de palabras e que lles proporciona distintos significados; neste caso, para denominar lugares concretos onde situar determinados elementos da paisaxe: canteira, ribeira, lameiro etc.
A alternancia da vogal inicial dáse tamén noutras palabras derivadas de terra, como terrón 'anaco de terra cuberto de herba' que alterna na fala coa forma torrón.
Na parroquia de Quintela tamén está rexistrado o lugar denominado O Torreiro.
En Galicia están rexistrados arredor de cento cincuenta topónimos con Torreiro e Turreiro. Menos abundante é o topónimo Terreiro en Galicia, que conta con apenas uns vinte lugares rexistrados. Tamén aparecen máis de trinta topónimos coa forma Terroso, en cambio apenas catro coa variante Torroso (Vigo e Mos).