Perral



MICROTOPÓNIMO DO BARRIO
Saramagoso
DA PARROQUIA DE
O Viso

Perral está localizado no lugar próximo a onde nace o río Pexegueiro, o principal curso de auga fluvial da parroquia do Viso, que logo continúa pola parroquia de Cesantes ata desembocar na ría pola marisma de Redondela.
Podería tratarse dun hidrónimo (topónimo referido á auga), proveniente do latín perennis 'perenne, incesante', referido a un manancial de auga perenne, que non seca nunca; neste caso, o manancial do río Pexegueiro. O dobre -rr- viría dun -rn- que se explica por desaparecer a vogal átona intermedia na palabra *perennal, que daría *pernal e, de aí, Perral.
No concello de Vigo temos a fonte da Falperra, tamén emparentada polo seu significado co noso Perral. En Galicia recóllense ao redor de dez lugares coa presenza do topónimo Perral. Tamén se recollen en Galicia ao redor de trinta topónimos coa forma Pernal, que como vimos, está directamente relacionada con Perral, moitos deles referidos a nomes de fontes e mananciais.
A terminación -al provén do sufixo latino -ale, con significado abundancial, como en barral, piñeiral, pedregal etc.
Na documentación histórica relativa ao Viso podemos atopar este topónimo no Expediente de comprobación de bienes, rentas y cargas, de 1761: "Tres cuartos de un ferrado de labradío regadío de segunda calidad al sitio da Perral. Linda Levante y Poniente murado, Norte María de Soto".