A Sangra



MICROTOPÓNIMO DO BARRIO
Saramagoso
DA PARROQUIA DE
O Viso

Unha sangra é unha gabia ou rego de desaugadoiro para que corra a auga das cheas das chuvias.
Tamén recibe os nomes de sangradeira, sangradoiro e, máis concretamente, na nosa zona sangradouro.
A súa orixe está nunha forma nominal xurdida a partir do verbo latino sanguinare 'sangrar'. En galego, sangrar, á parte de significar propiamente perder ou botar sangue, tamén presenta significados estendidos, como botar secreción unha árbore ou planta e darlle saída a un líquido; neste caso que nos ocupa da toponimia, darlle saída ao exceso de auga de chuvia que se produce nos campos a través deste tipo de regos.
En Galicia están rexistradas ao redor de vinte e cinco lugares coas distintas denominacións destes regos de desaugadoiro: A roza do Sangradoiro (Vilalba), Ribeira do Sangradoiro (Xermade), A Sangra do Ameal do Fortiño (Cangas), Presa da Sangra (Marín) etc.
Na documentación histórica relativa ao Viso podemos atopar este topónimo no Expediente de comprobación de bienes, rentas y cargas, de 1761: "Medio ferrado de labradío regadío de segunda calidad al sitio da Sangra. Linda Levante Joseph Rodríguez, Poniente murado."