A Veiga Grande



MICROTOPÓNIMO DO BARRIO
A Nogueira
DA PARROQUIA DE
O Viso

Unha veiga aparece definido no Dicionario da Real Academia como un terreo baixo, amplo e fértil, xeralmente ás beiras dun río. O sinónimo máis inmediato que manexamos é leira para designar os campos de cultivo.
A orixe da palabra veiga é prerromana. Para algúns autores viría do ibero vaika 'veiga' derivada do substantivo vai 'río' co sufixo -ka 'zona do río'. Para outros estudosos pode provir da composición (terra) ibaika 'terreo á beira dun río'. En éuscaro actual, río dise ibai, en castelán vega.
É habitual que o topónimo Veiga apareza acompañado dunha palabra que identifique con maior precisión tanto a persoa propietaria como as súas características ou a súa localización, como no caso da Veiga Baixa.
En Redondela o topónimo Veiga conta con moita presenza: Cedeira, Negros, Quintela, Reboreda, Saxamonde (onde tamén atopamos o diminutivo Ponte da Veiguiña) ou Vilar de Infesta.
Na documentación histórica relativa ao Viso podemos atopar este topónimo no Expediente de comprobación de bienes, rentas y cargas, de 1761, e, anteriormente no Libro de apeos da casa de Soutomaior, de 1644: "Con la devesa de Alonso Pereira y entesta en la heredad que se nombra da Veiga Grande, y por otra parte con el dicho tojal de suso referido y tiene cantidad de robles dende el medio abajo por junto a la dicha devesa".