O Sosteiro



MICROTOPÓNIMO DO BARRIO
A Nogueira
DA PARROQUIA DE
O Viso

O topónimo actual O Sosteiro ou O Susteiro é unha evolución fonética da palabra Sesteiro. O cambio de vogal produciuse pola influencia da letra S, que se pronuncia na parte dianteira da boca e provoca que a vogal átona -e-, que se pronuncia na parte traseira da boca, mude nas vogais -o-, -u-, que se pronuncian na parte dianteira da boca, máis próximas, polo tanto, á pronuncia da consoante S.
O sesteiro era unha antiga medida medieval de capacidade para sólidos, líquidos e mesmo para denominar terreos. Nos documentos históricos aparecen exemplos entre os séculos XIII e XV. A partir deste último século entra en desuso ata a súa desaparición como unidade de medida. Pero deixou un rastro na toponimia, xa que na actualidade en Galicia aparecen rexistrados preto de trinta lugares coa denominación de Sesteiro.
A palabra sesteiro provén do latín sextarius 'sextario, sexta parte', e denominaba unha unidade de medida que se empregaba no imperio romano.
Como medida de capacidade atopámola asociada a produtos agrícolas:
"dúas terzas de centeo e unha de serodio e un sesteiro de trigo en esa renda" (1269)
"cada natal X soldos de leoneses ou a cuantia deles e un sesteiro de castañas secas e outro sesteiro de noces pola taleiga do hórreo" (1299)
A partir do século XV tamén o atopamos como medida para líquidos:
"mais un sesteiro de viño mol do voso quiñón" (1404)
"item mando á igrexa de Pazos outro sesteiro de viño" (1456)
Equivalente a unha medida de terreo e, polo tanto, á denominación do propio terreo, atopamos xa un exemplo no século XIII:
"E nós, Vivián Díaz e Moor Dominguez, por esta graza que nos fan do mosteiro, damos por ende ao mosteiro un cuarteiro sementadura da nosa herdade quite un sesteiro onde chaman a Vargeã, na cortiña que cerrou Diego Rollán, e outro sesteiro na gándara que está a par doutra de Diego Rollán (1290)
Neste exemplo anterior, ao carón de sesteiro tamén aparece outra unidade de medida, o cuarteiro:
"un cuarteiro sementadura da nosa herdade" (1290)
"debe Gomes Gonzales un moio de centeo e Rodrigo un cuarteiro e Alvaro un sesteiro (1323)
Hoxe en día conservamos como palabra o cuarteirón para diferentes clases de medidas ou tamaños.
Na documentación histórica relativa ao Viso podemos atopar Sesteiro como nome de lugar no Expediente de comprobación de bienes, rentas y cargas, de 1761, e, anteriormente no Libro de apeos da casa de Soutomaior, de 1644, así como a mención á fonte que alí se atopa: "La heredad que se dice y nombra do Sesteiro", "y acaba encestando en la fuente do Sesteiro, que nace debajo della".