O Mato de Gontade



MICROTOPÓNIMO DO BARRIO
A Nogueira
DA PARROQUIA DE
O Viso

Mato é un termo moi abundante en toda Galicia. Con esta palabra denominamos tanto un terreo con maleza e sen cultivar, como o conxunto de restos vexetais, como toxos, silvas etc., que se empregan, entre outras cousas, para estrar as cortes. Mato é a forma masculina da palabra mata, que son as plantas baixas, de toro curto que teñen as pólas a carón da terra; por exemplo, unha mata de toxo.
A orixe tanto de mato como de mata é prerromana, aínda que non se sabe precisar a que substrato lingüístico pode pertencer. Pola súa parte, Gontade é un antropónimo, é dicir, un topónimo que provén dun nome de persoa. A súa orixe está no nome xermánico Gontatus, composto a partir da raíz gótica gunthi 'loita'.
Gontade chega a nós latinizado a través da forma do xenitivo Gontati. A partir desa forma latina, a terminación -i pasa a -e, como ocorre normalmente na evolución dos xenitivos latinos. O xenitivo era a forma da palabra (denominada caso) que se empregaba para indicar, entre outros, o significado de posesión. Deste xeito, unha forma léxica Gontati referiríase a un territorio que pertencía a unha persoa chamada Gontatus.
En Galicia están rexistrados arredor de vinte lugares co topónimo Gontade.
Na documentación histórica relativa ao Viso podemos atopar este topónimo no Libro de apeos da casa de Soutomaior, de 1644, e, posteriormente, no Expediente de comprobación de bienes, rentas y cargas, de 1761: "Un cuarto ferrado de labradío regadío de segunda calidad al sitio de Gontade. Linda Levante Ignacio Trigo".