A Leira



MICROTOPÓNIMO DO BARRIO
A Nogueira
DA PARROQUIA DE
O Viso

Unha leira é un terreo de plantación ao que tamén denominamos unha veiga ou mesmo un eido, con este significado.
Non hai unanimidade en canto á orixe desta palabra tan popular no noso vocabulario. Hai autores que lle atribúen unha orixe prerromana, posiblemente un celtismo a partir dunha forma anterior *plarea 'chan'. Nas linguas célticas o p- inicial pérdese. Polo tanto, para algúns autores as nosas leiras entroncan co céltico lar ou laria, 'terreo chairo'. En cambio, en latín este p- inicial non se perde e derivaría en *planus 'campo, terra chaira'. En textos medievais galegos atopámola escrita como larea.
En Galicia aparece de forma abundante por todo o territorio baixo diferentes variantes derivadas como Leiro, Leirado, Leiradiño, Leiriña etc.
Na documentación histórica relativa ao Viso podemos atopar este topónimo no Expediente de comprobación de bienes, rentas y cargas, de 1761, tanto en singular, Leira, coma en plural, Leiras; ou con variantes estendidas como A Leira do Seixo ou a Leira do Segueigo: "La partida ocho, que es medio ferrado de labradío secano de segunda calidad al sitio da Leira. Linda Levante Poniente".